O Paraninfo da Universidade de Santiago acolle hoxe o acto de entrega das medallas de investigación coas que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñece a traxectoria de cinco profesionais galegos. No ámbito tecnolóxico, a medalla Isidro Parga Pondal recaeu este ano en Pedro Arias, catedrático e investigador principal do grupo de Geotecnoloxías Aplicadas (GeoTECH), adscrito ao Cintecx da UVigo. O premio distingue a súa labor no ámbito da xeointelixencia, no que conta con mais de 200 publicacións, ademais de ter dirixido unha trintena de tesis e impulsar a creación da empresa Ingeniería Insitu.
–A RAGC premia unha traxectoria que no seu caso tamén está moi pegada á transferencia dos resultados.
–A RAGC concibe estes premios como un recoñecemento da traxectoria persoal no seu conxunto. É un balance global de todas as cuestións en torno á ciencia. No meu caso, o tema da transferencia é algo moi presente e que sempre estivo aí ao longo da miña vida profesional, que xa son máis de vinte anos. Sempre tiven esa tendencia de facer proxectos con transferencia empresarial e de chegar ao mercado. De feito, no seu momento tamén participei na fundación da empresa Ingeniería Insitu, da que xa me desliguei en canto empezou a funcionar. Pero é un indicador máis de como a miña actividade profesional na universidade sempre foi enfocada a transferir resultados, xerar emprego, etcétera. E o premio da ánimos para seguir.
–Un paso que todavía non resulta sinxelo, que faría falta para unha relación máis fluida entre universidade e empresa?
–Esa é a pregunta do millón. Ter a clave é complicado, pero dende logo a culpa é de todos. Mellorar esa relación é unha tarefa pendente por todas as partes. Na universidade temos a tendencia a vivir portas adentro nas escolas e facultades. E, pola súa parte, as empresas tamén teñen unha certa desconfianza, en moitos casos, merecida, respecto das actividades que se fan dende a universidade porque poden carecer de realidade, de practicidade, de non ter os pés no chan. Por as dúas partes hai moito percorrido por facer.
–As administracións teñen que axilizalo.
–Si, de feito é un dos mecanismos que está máis consolidado. Xunta, Goberno central e UE fan convocatorias e chamadas de proxectos nas que piden especificamente que vaian xuntos o tecido empresarial público e privado e os axentes de innovación e investigación como son as universidades ou centros tecnolóxicos.
–A calidade da investigación do seu grupo leva anos sendo recoñecido en proxectos europeos.
–É un dos indicadores clave. Os proxectos europeos teñen un maior impacto, van acompañados de maior dotación económica e o nivel de competencia é moi superior aos nacionais e locais. É máis difícil acadar o éxito. E a verdade é que levamos uns anos con bo éxito.
–E ademais en ámbitos moi estratéxicos para a UE. Por exemplo, un dos máis recentes, SUM4Re, é un consorcio de 17 socios de 9 países liderado pola UVigo para reutilizar os residuos da construcción.
–Estas convocatorias europeas son exemplo da colaboración entre organismos públicos e entidades privadas. E están dirixidas a liñas estratéxicas como a redución da contaminación e o cambio climático. En decembro faremos a reunión de seguemento en Países Baixos e aí poremos sobre a mesa as cousas que se fixeron. Tamén temos outro proxecto europeo activo, InfraROB, que é sobre a robotización dos procesos de mantemento de estradas. Quédanlle uns seis meses e a semana pasada estivemos entre Eslovenia e Austria facendo as demostracións dos resultados.
–Dous exemplos de investigacións que poden realmente mellorar o día a día da industria e a calidade de vida dos cidadáns europeos.
–De feito, todas as demostracións se fixeron nunha autoestrada que xestiona o equivalente ao Ministerio de Fomento en Austria. E participaron empresas de Dinamarca, Alemania, España ou Italia. O impacto de todos eses resultados chega á sociedade de forma moito máis aumentada.
–E que a UVigo esté nestes consorcios tamén supón unha ventaxa para o tecido industrial galego.
–Evidentemente. Por unha banda, contribúe a mellorar e relanzar a imaxe da UVigo, que non é moi coñecida porque somos unha universidade nova e relativamente pequena. E, por outra, esa visibilidade internacional tamén ten os seus efectos a nivel nacional e local. É un aval de que o que estás facendo é realmente relevante porque así lle parece a Europa.
–Tamén pode axudar a atraer estudantes. As enxeñerías están perdendo alumnos en toda Europa.
–É un problema complexo no que inflúen moitos factores.Pero está aí e é gravísimo en toda Europa. A solución non é sinxela, senón que vén desde múltiples frontes e esta é unha delas. Pero tampouco será a clave de forma illada. Ademais da baixada da natalidade, son carreiras cun nivel de dificultade relevante e cada vez hai menos alumnos nos bacharelatos tecnolóxicos porque o esforzo non é algo que hoxe cotice á alza. E, no caso de Galicia, todavía hai certa imaxe de que é mellor estudar en Madrid ou Barcelona, mentres que non é sinxelo atraer alumnos de fóra polas dificultades de movilidade.
–Nin en Vigo nin no resto de cidades se coñece como se debería a calidade dos investigadores galegos.
[–>
–Si, e ocurre principalmente coas universidades de Vigo e A Coruña. En Santiago, os máis de cincocentos anos de historia xogan ao seu favor e o nivel de coñecemento é moi superior. Teñen un factor de atracción superior, parten de condicións ventaxosas nese sentido. Pero hai que seguir traballando e pouco a pouco se vai mellorando.
Subscribe to continue reading